As toupiñas chegaron ao noso colexio da man dun fermoso conto:
"A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXO AQUILO NA CABEZA"
Chegaron na compañía duns amigos moi especiais: vacas, pombas, cabalos, moscas...que traen moitos misterios do mundo animal sen resolver:
Que comen?
Que pasa co que comen?
Onde viven?
Mil e unha preguntas que seguro que coa vosa axuda atoparán respostas.
Como e onde buscar esas respostas forma parte dos obxectivos do proxecto.
Aprender a camiñar coma unha lebre ou rirse coma unha cabra son parte das actividades coas que achegarnos ao xogo teatral e a expresión corporal, outro dos obxectivos a desenvolver.
Contar o que vai pasando con gravacións de voz e imaxes será unha parte importante , tanto polo que supón de comunicación e intercambio coa comunidade educativa como de exercicio de expresión e reflexión do traballo realizado.
Todas as novas relacionadas coas toupiñas e os seus amigos irán aparecendo neste blog, que nace para dotar dun espazo en liña propio ao proxecto e facilitar o seguimento do mesmo.
A adaptación libre do conto permitirá que nenos e nenas nos amosen as súas dotes interpretativas, pero xa falaremos máis polo miudo de como vai ser...
Convídovos a que nos sigades nesta nova aventura!!!
MAGIN BLANCO - TODOS SOMOS CAPITANS
Hace 10 años
0 comentarios:
Publicar un comentario